martes, 3 de septiembre de 2013

Non á agresión imperialista contra Siria! Pola soberanía dos pobos

A barbarie vén de ser anunciada por medio de novas ameazas de guerra. Resoan de novo os tambores, mais os Estados Unidos, Franza e Gran Bretaña xa levan moito tempo intervindo militarmente en Siria, por medio da entrega de armamento, apoio loxístico, adestramento e envío de milicias armadas desde o exterior. Este conflito, que desde hai dos anos é presentado nos medios de comunicación como un enfrontamento civil, é unha guerra encoberta creada, financiada e dirixida en todo o momento desde o exterior.
Non é mais que unha operación desas potencias polo control dunha zona -e dos seus recursos- e que tivo os seus episodios anteriores nas guerras de Iraq, Afganistán ou Libia. Primeiro arman e promoven os ataques terroristas contra o pobo sirio, e despois utilizan a situación creada como escusa para invadir o país. Agora mesmo, ante a constatación dos avances do goberno sirio, os Estados Unidos e os seus aliados veñen de propor a intervención militar directa, o que terá consecuencias dramáticas para a poboación e para a paz internacional.

A propaganda de guerra recorrerá a todas as escusas necesarias para xustificar un salto cualitativo na súa ofensiva militar, que non ten máis obxectivo que defender os intereses estratéxicos das potencias imperialistas. Repiten o procedemento aplicado en moitos outros países, afirmando que é necesario bombardear á poboación civil para defendela. Os resultados deste imperialismo revestido de humanitarismo están á vista en todos os países nos que se aplicou: millóns de persoas mortas e desprazadas, aumento xeneralizado da violencia, a pobreza e a corrupción, reforzamento  das posturas máis sectarias e regresivas, e entrega dos recursos ao servizo de intereses foráneos, por medio de oligarquías mafiosas involucradas en tráfico de armas, drogas e persoas.

Non podemos agardar algo diferente para a Siria. Cando falen de armamento ilegal, teremos que lembrar que son os mesmos que ían destruír as armas de destrución masiva en Iraq, o que se demostrou como unha mentira deliberada. Cando falen de axudar a poboación, teremos que sinalar que o mesmo pretendían en Libia, cando bombardearon o país para dar a volta ao conflito e chegar hoxe a se apoderar do seu petróleo. Cando falen de democratización, pensemos no goberno títere imposto en Afganistán pola OTAN e na ocupación militar que aínda padece. Cando argumenten a necesidade de responder ante a utilización de armamento prohibido, podemos repasar o historial dos que se proclaman xendarmes mundiais: os únicos que se atreveron a utilizar armamento atómico dúas veces, os que devastaron o Vietnam con axente laranxa, os que empregaron armas de uranio empobrecido contra a Iugoslavia, os que si utilizaron armamento químico en masa na toma de Fallujah no Iraque. Só o máximo cinismo permite ás potencias imperialistas apresentarse agora indignadas ante un ataque sen demostrar, que só beneficia ao chamado bando "rebelde" -con indicios de que foi este o que empregou as armas químicas- e no momento no que os inspectores da ONU aínda examinan os feitos.

En realidade, os obxectivos dos Estados Unidos e os seus aliados son outros, e inscríbense nunha estratexia de guerra interminábel que non ten ningunha relación coas lexítimas aspiracións de liberdade, independencia e xustiza dos pobos da rexión. A historia demostra que as potencias imperialistas non promoven intervencións militares inocentes nin humanitarias, senón operacións de saqueo e dominio, agravadas na actual etapa de crise estrutural do capitalismo. Controlar militarmente o país e apoderarse dos seus recursos é un vello obxectivo dos planos estadounidenses, que pretenden reforzar o seu dominio na rexión, preparando e anunciando xa os vindeiros ataques contra o Líbano ou Irán, e prolongando a súa alianza cos réximes máis reaccionarios e inxustos, os da Arabia Saudí e Catar, así como co terrorismo de Estado israelí que mantén a ocupación e apartheid da Palestina.

A agresión en curso contra Siria tería gravísimas consecuencias para unha rexión xa torturada, empobrecida e agredida, e constituiría unha nova violación do Dereito Internacional en virtude da lei do máis forte. É urxente que todos os pobos do mundo actuemos en contra do imperialismo, en defensa da paz, a liberdade e o soberanía dos pobos.
Desde a Galiza denunciamos a complicidade do goberno español nestes novos planos agresivos e esiximos que se respecte o dereito de cada país a resolver os seus problemas internos desde a negociación e o diálogo, a partir do respecto da independencia e soberanía do pobo sirio, e contando  tamén  cos  dereitos  do  esquecido  pobo  curdo.  Comprometémonos  a  continuar  a mobilización e resistencia fronte a guerra e o imperialismo.

Na Galiza, setembro de 2013

Asinan:
AGARB-ANOVA — Asamblea Republicana de Vigo — BNG — CIG — Colectivo Imán-CEDRO — Construindo a Esquerda — Coordinadora Bolivariana-Vigo — CUT / El Militante — Esquerda Unida — F.P.G. — Federación de Veciños de Vigo — Galiza Nova — HOAC — Isca! — Izquierda Socialista — Liga Estudantil Galega — Mar de Lumes — NOS-UP — Nova Esquerda Galega-Compromiso coa Esquerda — P.C.G. — PCPG — Sindicatos de Estudantes — Xuventudes comunistas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario